Veciñanza asina os principios básicos de Mareas en Común

Apostamos por un modelo de confluencia aberto, transparente e construído desde abaixo, como o que iniciará a Marea Viva este sábado en Ames. Só así poderá xurdir unha candidatura con forza e ilusión suficiente para rescatar as institucións galegas das políticas antisociais do PP e devolverllas á xente.

Veciñanza asume os Principios Básicos das Mareas en Común e aposta por un modelo de confluencia construído desde abaixo, no que teñan cabida todas as forzas do cambio e no que se exerza a radicalidade democrática. Por iso, participaremos na Marea Viva que, o vindeiro 7 de maio, iniciará os traballos para conseguir a unión das persoas, partidos, organizacións e movementos que desexen levar ás institucións galegas unhas políticas pensadas para a xente.

mareasencomunTraballamos nas Mareas en Común, un proceso formado por iniciativas municipalistas das catro provincias galegas, que ten como obxectivo facilitar a construción dunha alternativa de cambio con posibilidades reais de gañar as próximas eleccións autonómicas, con forza e ilusión para devolverlle as institucións do País á xente común.

Así, cun protocolo de traballo no que todas teñen voz, a Marea Viva estará aberta a todas as persoas que asinen os Principios Básicos das Mareas en Común. Servirá para deseñar un proceso de primarias, un código ético para os cargos electos, un modelo organizativo e unha forma de goberno.

Os Principios Básicos de Mareas en Común son unha proposta que condensa os fíos de unión entre as forzas do cambio. Calquera persoa ou organización que se sinta representada neles pode asinalos a través da web: http://mareasencomun.gal/principios/

Sumámonos a este proceso porque é tempo de que a xente común ocupe o espazo que lle corresponde na política institucional, porque abonda de gobernar para as contas de resultados das grandes empresas, porque é hora de traballar con honestidade para deter a privatización da sanidade e o deterioro da educación pública. É o momento de avanzar en común, polo que animamos á cidadanía a implicarse e asinar estes Principios Básicos.

Share

Tamén pode gustarche...